Fernández González, Begoña Olga
A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte decidida a rachar cos estereotipos e os moldes que encorsetaban tanto a arte coma as mulleres, condenadas a desenvolver o exclusivo papel de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atavíos, o seu desenfado, as súas pándegas nocturnas nun Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así coma o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Mais... pagou a súa ousadía.
Ana María Gómez González, nome real de Maruja Mallo, naceu en Viveiro (Lugo) o 5 de xaneiro do 1902. Foi a cuarta filla do matrimonio formado por Justo Gómez Mallo, funcionario de aduanas, e María del Pilar González.
Ao pouco trasládanse a vivir a Avilés, onde comeza a copiar as ilustracións que aparecen nas revistas da época. Alí traba amizade co pintor avilesino Luís Bayón.

Catro anos despois da súa primeira exposición, obtén unha pensión da Junta de Ampliación de Estudios de Madrid que lle permite viaxar a París, onde tomou contacto co grupo surrealista francés e coñece personaxes como René Magritte, Max Ernst, Joan Miró e Giorgio de Chirico. Participa en faladoiros con André Breton e Paul Éluard.
Nese momento a súa pintura sofre un cambio radical e acada a mestría.
No 1933, comprometida coa república, volve a España e gaña unha praza de profesora de debuxo do Instituto de Arévalo (Ávila). Un ano máis tarde estuda matemáticas e xeometría a fin de aplicalas na súa obra, principalmente na cerámica, da que foi profesora na Escuela de Cerámica de Madrid e na Residencia de Estudiantes. Nesta época participa activamente na Sociedad de Artistas Ibéricos e tiña adquirido tal notoriedade que o goberno francés merca un dos seus cadros para expoñelo no Museo Nacional de Arte Moderna.
A partir do 1936, comeza a súa etapa construtiva, mentres que segue a expoñer cos pintores surrealistas en Londres e Barcelona. Aos 37 anos publica o libro Lo popular en la plástica española a través de mi obra (1939), e comeza a pintar especialmente retratos de mulleres, cuxo estilo é precursor da arte pop estadounidense.

Ao instaurarse o peronismo na Arxentina, Maruja deixa o país e trasládase a Nova York, para regresar a España no 1965, tras de vinte e cinco anos de exilio.
Á súa chegada definitiva a España, instálase na rúa Núñez de Balboa en Madrid. A que fora unha das grandes figuras do surrealismo de anteguerra é case unha descoñecida na súa terra e a súa vida pública desaparece. Pero non lle importou e, case coma un símbolo, debuxa de novo a portada da Revista de Occidente. Nesta época a temática da súa pintura está condicionada polo interese da pintora nas ciencias ocultas e o esoterismo. Realiza, nese intre, unha carpeta de litografías como homenaxe á devandita revista .

Pouco tempo despois da devandita exposición, o 6 de febreiro do 1995, falece en Madrid, na residencia de anciáns Menéndez Pidal, aos 93 anos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário