Fontan Carrera, Consuelo
Ana María Gómez González
MARUJA MALLO
A primeira vez que deu a coñecer o seu traballo foi na II Exposición Aviselino 1922, onde amosou catorce obras. Naquel tempo era coñecida como Marujita Gómez.
Algúns expertos considérana universal de talante e aviselina de formación.
A súa primeira exposición individual (e xa como Maruja Mallo) estivo baixo os auspicios de Don José Ortega y Gasset, que cedeu os salóns da Revista de Occidente por primeira e única vez o 26 de maio de 1928. Nela exhibíronse trinta estampas, seis lenzos óleos e catro verbenas. Asemade, colaborou nas ilustracións de portadas da Revista de Occidente. Nelas prevalecía o uso das liñas e os tons de cores suaves e cálidas, onde salienta a concreción e a forza, ás veces inqueda. Xa se está a albiscar o seu achegamento ao surrealismo.
Verbas de Maruja Mallo: "E pechei o mundo aberto na primeira grande exposición. O que máis me abraiou nestes intres está presente na miña produción: era a rúa. O que máis me chamaba era o popular".
Os críticos loaron a meticulosidade da súa técnica e o seu perfecto coñecemento da xeometría.
Con Rafael Alberti realizou as ilustracións para o libro Eu era parvo e o que vin fíxome dúas veces parvo, que adiantaron na revista Gaceta Literaria (1928). Tamén fixo os debuxos no libro Eu, inspector de sumidoiros, de Giménez Caballero.
O seu interese pola creación dunha linguaxe universal e o seu facer concienciúdo, empúrrana a levar até o extremo a xeometría. Estudou matemáticas para fornecer un coñecemento máis profundo.
Adoptou a regra áurea, como base dos seus traballos cos principios do construtivismo, como testemuñan os trazados harmónicos realmente brillantes. Esta regra é unha figura que se reproduce matematicamente de forma infinita, é considerada a proporción perfecta. Atribúenselle un carácter estético especial aos obxectos que seguen a devandita proporción, está considerada un dos grandes tesouros da xeometría.
Verbas: 'Descubro que a orde é a arquitectura íntima da natureza. Observo no microscopio os cristais da neve, observo as construcións campesiñas, a íntima estrutura dos froitos e das espigas, a estrutura dos animais dos campo de España. Descubro unha orde numérica e xeométrica que rexen todas as estruturas, domina o universo. Busco a expresión desa orde, desa harmonía, dese equilibrio rexido polo número. Penso entón que un cadro é tamén unha creación orgánica.'
O escultor Alberto Sánchez, o pintor Benjamín Palencia e Maruja Mallo deciden fundar no ano 1927 'Escola de Vallecas'. Este movemento artístico chamouse así xa que a súa inspiración é alimentada por esta zona sur e inhóspita da capital con paisaxes desapracibles e duras, zona final do urbano e o inicio do contorno rural.
A partir de 1929, a súa pintura experimentou un xiro radical co descubrimento dun baixo mundo sombrío e estercorario. Abandona a exaltación do popular, dos anxos e as verbenas e pinta a serie 'Cloacas e Campanarios', que dá lugar á etapa negra da súa pintura, xurdida nos arrabaldes e arredores dun Madrid devastado por unhas visións arrepiantes dun mundo asolado por unha catástrofe definitiva, treboada de lixos e excrementos, que en Maruja Mallo vai tomar dimensións de esperpento, pesadelos e surrealismo negro.
Ela anticípase ás catástrofes bélicas e morais que axiña sacudirán Europa .
Verbas: 'A arte é un presaxio un anticipo revolucionario. Non se incorpora nin segue os movementos políticos. Na contra é a política a que se enrola na arte.'
O escritor Rafael Alberti dedica, na Gaceta Literaria, un poema á nova pintura de Maruja Mallo que titula 'A primeira ascensión de Maruja Mallo ao subsolo', ... 'Ti que baixas ás cloacas onde as flores máis flores son xa cuspidelas sen soños....' A isto a artista contestoulle:' Non subín ó subsolo. Baixei ós infernos'.
A súa actitude artística abertamente vangardista, a súa concepción da modernidade vense afianzadas en todo momento por un comportamento persoal no mesmo senso. Non hai límites entre a arte e a vida: calquera límite esvaécese.
O feito de ter enxergado a queima dun convento abraiouna vivamente. A este momento de 1929 pertencen os retratos que a amosan vestida miserablemente, arrodeada de caveiras de burros, querendo semellar unha curandeira dun culto purificador e terrible, utilizando os camiños de Cercedilla (Madrid) como soporte da posta en escena. Cómplice deste feito é Justo Gómez González (o seu irmán) fotógrafo de profesión.
Verbas: 'Neses intres impresionábame a natureza eliminando o lixo, a terra incendiada e enchoupada, as cloacas empurradas polos ventos. Os campanarios atropelados polos temporais. Os mundos das cousas que transitan. Esta visión tanxible das cousas que se transforman, que con frecuencia batía polas estacións de circunvalación, é a base fundamental do contido do labor daquel tempo.'
No 1932 viaxa cara a Paris, onde ten lugar a súa segunda exposición individual na Galerie Pierre Loeb. Ao comezo despertará máis curiosidade que interese, era o centro de todas as reunións.
A crítica sentiuse abraiada polo facer desta pintora, dicían dela que non chegara a eles dende o pasado, senón des o futuro. Aquí presentou os seus traballos de 'Cloacas e Campanarios' .
Xa de regreso de París, vén con unha enchente de ideas para liberar a pintura das súas ataduras, investiga novas formas e materiais nun retorno á natureza. Pasea polos arredores de Madrid admirando as paisaxes dos montes pretos, as formas dalgunhas pedras antóllanselle figuras humanas, a calidade das herbas que pisa, o entullo, todos son materiais que alimentan os experimentos desta aleuta muller.
A pintora divide o seu tempo entre o ensino e o seu traballo de investigación.
Como mestra de debuxo libre e de composición cara a nenos de primaria, no curso 33-34, divide a ensinanza en tres partes, coas que anda á procura de estimular nos cativos os dotes de imaxinación, do sentido construtivo e o reconto das súas impresións. No debuxo, deixa que lles agromen as ideas, non se lle pon atrancos á imaxinación nin reixas á fantasía dos pequechos.
O sentido construtivo é o que organiza a arte; isto Maruja, divídeo en composicións de superficies e corpos e de liñas e superficies, para afianzar nos rapaces un dos factores da creación estética de maior importancia como é a organización dunha estrutura e combinar os valores xeométricos de onde sairá unha unidade plástica.
No ano 1934 realiza viñetas para a Revista de Occidente e outras revistas. En maio de 1936 participa na Exposición Logicofobista que se celebra en Barcelona, ao tempo que ten lugar a súa terceira mostra individual nas salas do ADLAN ( Centro de Estudos da Construción ) en Madrid. Desta vez presenta as Arquitecturas Minerais e Vexetais, Construcións Rurais, Plástica e Escenográfica e Cerámica, isto é o conxunto diverso do que se compón a exhibición. Nas Construcións Rurais as edificacións ás veces teñen aparencia animada.
Verbas: 'A natureza é o que comeza a atraerme: achar unha nova orde. A orde é a arquitectura interna da natureza e do home, a matemática vivente do esqueleto. Na natureza clarividente e misteriosa, espontánea e construída, desproveitos de pantasmas anacrónicas, analizo a estrutura dos minerais e vexetais, a diversidade de formas cristalinas e biolóxicas sintetizadas nunha orde numérica e xeométrica, nunha orde vivinte e universal'.
Na súa fuxida ao exilio, forzada polo estouro da guerra civil española, leva con ela A Sorpresa do Trigo, o seu último cadro español. As ideas para esta obra agromáronlle nos longos paseos a traverso dos trigais de Castela a Nova, moitas veces na compaña de Miguel Hernández. É curioso o feito de que fora este cadro o que leva cara a un país que era a tulla da humanidade.
O novo Continente excita a súa creatividade con continuos estímulos nunha persistente e fascinante revelación. A súa honestidade como pintora hónraa e reflíctese na vida da muller.
Verbas: 'O verdadeiro sentido que fai a unha arte nova e integral, é, ademais dun coñecemento científico sólido e de un oficio manual seguro, a achega dunha iconografía, para unha relixión, para unha orde'.
1945, un intre de reflexión para Maruja, viaxa ás praias de Viña del Mar, á procura da inspiración.
A serie de fotografías escenográficas, onde as algas son as que a agochan e descobren ao mundo, amosan o seu amor á vida e a liberdade, cunha vitalidade extraordinaria fuxindo sempre dos estereotipados sociais e artísticos.
Na exposición en Nova York, en outubro de 1948, presentou vinte e catro óleos onde figuraban unha Verbena, A Relixión do Traballo na súa totalidade, Os Acios de Uvas, nove Naturezas Vivas e cinco Cabezas de Muller.
Os bosquexos d'A Relixión do Traballo son precisión en estado puro, un elaborado equilibrio nas formas. A pintora xoga co lineal e o curvo, até transformalo nunha simetría perfecta.
Verbas: 'Marcou un fito na miña vida militante artecoñecemento, abríndome as portas do mundo cultural en tres capitais: París, Nova York, Bos Aires e todo o continente de fala castelá'.
No 1949, a Librería CLAN, publica dezaseis debuxos de Construcións Rurais con introdución de Jean Cassou. Son unha serie de esbozos de escenografía e figurinos que son coñecidos como Plástica Escenográfica para a ópera Clavileño de Rodolfo Hallffter, que non chegou a estrearse.
Cunha creación directa, simple e complexa presenta unha serie de debuxos onde os obxectos se amorean na composición. Estes traballos foron denominados por ela como Estampas Populares, Estampas de Máquinas e Manequíns, Estampas Deportivas e Estampas Cinemáticas.
Nas Populares, a autora reflicte o sentimento da xeometría na rúa. Deste xeito, estes debuxos son a expresión da capacidade de captura das imaxes cotiás e urbanas. O seu traballo mostra xa un marcado carácter surrealista.
As de Máquinas e Manequíns, falan dunha época decadente do romanticismo, e os seus modelos engulidos da couza que envellecen nos escaparates.
As Deportivas lembran o ideal físico, á vez clásico e moderno, dunha nova humanidade triunfante, coidado do corpo liberado do corpiño, tomando baños de sol ou indo en bicicleta.
Verbas : 'O trigo é o símbolo pánico do mundo. Non hai unha liña dun cadro meu que non obedeza ao 'Trazado director', ao esqueleto xeométrico que serve de armazón á representación do cadro. O meu anhelo de construír, como a natureza, empezou coas cerámicas. As miñas últimas cousas son o resultado dun proceso. Ao que eu chamaría o proceso biolóxico dun cadro. A forma, a cor, a materia constitúen alí unha harmonía dialogante, vivente, onde a lei e o contido integran unha totalidade, unha unidade. Estas leis que rexen as miñas pinturas danlle o seu carácter universal. Aspiro a que os temas sexan tamén universais. Tal como o pescador e o labrego'.
No ano 1951, comeza a debuxar unha nova serie de atletas e bailarinas, cunha linguaxe esquemática e realista onde prima o movemento, ás veces sensual, cun estilo xeométrico rodeado de símbolos que reproducen un xirar cósmico e infinito, atopámonos de novo coa 'regra de ouro'.
O seu retorno a España foi en 1965.
Ao 1969 pertence á serie Moradores do Baleiro, onde se recolle o interese da súa autora polas formas inspiradas na natureza, conseguindo a sensación de vitalidade e de movemento .
A finais do 1970, e asesorada polo pintor e gravador José Vázquez Cereijo, realiza O Pincho, gravado ao augaforte, que representa unha figura infantil, mediante trazos simples e esquemáticos.
O boneco está representado en pleno chimpo. Este traballo, foi unha homenaxe á Revista de Occidente inspirado na portada nº 102 publicada en decembro 1931.
É 1979 o ano do comezo da súa última etapa pictórica cos Viaxeiros do Éter. Tiña xa 77 anos, mais aínda conservaba esa frescura e vitalidade que tivera no transcurso da súa vida. Deste tempo é o seu pensamento esotérico. Neste intre diríase que as súas preocupacións e intereses xa non son deste mundo, vólvense de orde cósmica e a linguaxe énchese de expresións e conceptos de difícil comprensión. O seu interese polo ocultismo e o esoterismo lévana a un mundo de seres espaciais inventados por ela.
Verbas: 'Cando entrei no coñecemento de Einstein , Marx, Freud, os tres santos laicos, é cando fago está pintura que por todo recoñecemento levita. E ademais teño a necesidade de inventar seres místicos. De alí saen os Moradores do Baleiro, é da miña travesía polos Andes, onde tiven a sensación de levitación e onde me formulei as interrogantes sobre as formas non coñecidas que existen sete mil metros enriba'.
No ano 1984 os aniversarios afastaron os lapis e as pinturas da súa vida.
Nós, con pés de la, como ela, pegamos a cara á fiestra da súa vida.
O noso agradecemento:
Catálogo: Maruja Mallo, Galería Guillermo de Osma.
Diáspora, 10 artistas galegos no exilio latinoamericano 19301970,
Museo Marco de Vigo
Fundación Luís Seoane da Coruña.
O reencontro coa modernidade na pósguerra 1940-1957, Universidade de Vigo.
Catálogo: Pintores de Lugo, Museo Provincial de Lugo.
Surrealistas, Fundación Caixa Galicia.
Á Rede, que nos forneceu con novas experiencias.
Nenhum comentário:
Postar um comentário