10.1.10

a. Biografía de Maruja Mallo

Casal Díaz, María Nélida
Fernández González, Begoña Olga

Poucos saben que a soberbia triloxía formada por Lorca, Buñuel e Dalí, de sobra coñecida por todos, foi en realidade un cuarteto. Quen era esa cuarta figura, estrañamente silenciada pola historia? Por que foi relegado ao esquecemento o seu nome? Maruja Mallo foi, sen lugar a dúbidas, unha pintora xenial, á que unha suma de adversidades históricas e prexuízos sociais negaron de xeito insólito o recoñecemento que merece.

A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte decidida a rachar cos estereotipos e os moldes que encorsetaban tanto a arte coma as mulleres, condenadas a desenvolver o exclusivo papel de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atavíos, o seu desenfado, as súas pándegas nocturnas nun Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así coma o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Mais... pagou a súa ousadía.

Ana María Gómez González, nome real de Maruja Mallo, naceu en Viveiro (Lugo) o 5 de xaneiro do 1902. Foi a cuarta filla do matrimonio formado por Justo Gómez Mallo, funcionario de aduanas, e María del Pilar González.
Ao pouco trasládanse a vivir a Avilés, onde comeza a copiar as ilustracións que aparecen nas revistas da época. Alí traba amizade co pintor avilesino Luís Bayón.

Logo de pasar a súa infancia entre Galicia e Asturias, no 1922 trasládase definitivamente coa súa familia a Madrid. Alí estuda Belas Artes na Academia de San Fernando, ao igual que o seu irmán Cristino, coincidindo nesta escola con Dalí, con quen tivo moi boa relación. Ao mesmo tempo asiste ás clases de debuxo de Julio Moisés. Na Residencia de Estudiantes tomou contacto co surrealismo e a Xeración do 27. Coñece e trata a Buñuel, Miguel Hernández, García Lorca, María Zambrano, Pepe Vello e Rafael Alberti, co que mantén unha relación (longamente silenciada en ámbalas dúas biografías) ata que coñece a Mª Teresa León. Ela foi influxo decisivo nas obras doutros artistas grazas ao seu talento e a súa actitude transgresora e afouta que derruba as barreiras impostas á muller.

Traballa para varias publicacións literarias como La gaceta literaria ou El almanaque literario. No 1928 coñece persoalmente a Ortega e Gasset e comeza a colaborar como ilustradora na Revista de Occidente, en cuxos salóns realiza a súa primeira exposición individual, que ten un grande éxito e que foi o punto de partida para ser xulgada pola súa obra e non pola súa condición feminina.

Catro anos despois da súa primeira exposición, obtén unha pensión da Junta de Ampliación de Estudios de Madrid que lle permite viaxar a París, onde tomou contacto co grupo surrealista francés e coñece personaxes como René Magritte, Max Ernst, Joan Miró e Giorgio de Chirico. Participa en faladoiros con André Breton e Paul Éluard.
Nese momento a súa pintura sofre un cambio radical e acada a mestría.

No 1933, comprometida coa república, volve a España e gaña unha praza de profesora de debuxo do Instituto de Arévalo (Ávila). Un ano máis tarde estuda matemáticas e xeometría a fin de aplicalas na súa obra, principalmente na cerámica, da que foi profesora na Escuela de Cerámica de Madrid e na Residencia de Estudiantes. Nesta época participa activamente na Sociedad de Artistas Ibéricos e tiña adquirido tal notoriedade que o goberno francés merca un dos seus cadros para expoñelo no Museo Nacional de Arte Moderna.

A partir do 1936, comeza a súa etapa construtiva, mentres que segue a expoñer cos pintores surrealistas en Londres e Barcelona. Aos 37 anos publica o libro Lo popular en la plástica española a través de mi obra (1939), e comeza a pintar especialmente retratos de mulleres, cuxo estilo é precursor da arte pop estadounidense.

Participa como docente nas Misiones Pedagógicas, que a achegan á súa Galicia natal, onde aos poucos meses a sorprende a Guerra Civil Española. De aí foxe a Portugal. Toda a súa obra cerámica desta época é destruída na guerra. Pouco tempo despois, a súa amiga Gabriela Mistral, embaixadora de Chile, axúdaa a trasladarse a Bos Aires. Alí estableceu a súa residencia, alternando con Montevideo, onde seguiu a pintar, dar clases e cultivar amizades. Integrouse no contexto sudamericano relacionándose, non só cos intelectuais exiliados, senón tamén cos dos países que visita, sobre todo a través de Pablo Neruda e Victoria Ocampo.

Ao instaurarse o peronismo na Arxentina, Maruja deixa o país e trasládase a Nova York, para regresar a España no 1965, tras de vinte e cinco anos de exilio.
Á súa chegada definitiva a España, instálase na rúa Núñez de Balboa en Madrid. A que fora unha das grandes figuras do surrealismo de anteguerra é case unha descoñecida na súa terra e a súa vida pública desaparece. Pero non lle importou e, case coma un símbolo, debuxa de novo a portada da Revista de Occidente. Nesta época a temática da súa pintura está condicionada polo interese da pintora nas ciencias ocultas e o esoterismo. Realiza, nese intre, unha carpeta de litografías como homenaxe á devandita revista .

Na década dos 90 ofrecéronlle varias exposicións e mesmo recibiu a Medalla de Ouro das Belas Artes da Comunidade de Madrid e a da Xunta de Galicia. Cunha exposición monográfica da súa obra inaugurouse o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) de Santiago, no 1993. Dela queda un completo catálogo.

Pouco tempo despois da devandita exposición, o 6 de febreiro do 1995, falece en Madrid, na residencia de anciáns Menéndez Pidal, aos 93 anos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário