10.1.10

b. Contexto galego da época

Freiría Campos, Benedicta
Veloso Pérez, Flora

A Maruxa Mallo tocoulle vivir nunha sociedade marcada por fortes conflitos políticos, sociais e económicos. Naceu durante a Restauración, no intre que é izado ao trono Afonso XIII. Máis tarde viviu a ditadura de Primo de Rivera, a entrada da II República, a guerra civil e o posterior franquismo.
Unha muller rompedora en todas as facetas da súa vida, sen prexuízos para aquela época, metódica na súa obra, en constante evolución e que quería ser tratada e valorada como os homes, nunha sociedade integramente machista.
Non quixo ser transparente ante a realidade social, política e económica da súa Galiza natal. Galiza sempre estivo presente na súa pintura, na súa vida e na súa traxectoria como muller e como artista.

Deseguido repasaremos a realidade social, política e cultural de Galiza nas diferentes décadas nas que viviu Maruxa Mallo. Das etapas nas que obtivo os seus éxitos, o cume máis alto da súa obra e da súa vida estivo entre a década do 20 e dos 30, marcada e diferenciada por ser unha muller galega de nacemento, de infancia e que máis tarde retornaría á súa Galiza, nos veráns de Beluso (Bueu), de Vigo e da Coruña, rodeada de morriña e saudade.

GALIZA NOS ANOS 20-30
1. DITADURA DE PRIMO DE RIVERA
1.1 O AGRARISMO
Etapa marcada pola falta de liberdades, na que as insuficiencias do decreto
de redención foral (1926) levou ao campesiñado a pór en marcha numerosas mobilizacións.
Anos nos que se ergue o movemento obreiro e esperta na sociedade galega unha situación de inquedanza e prosperidade potenciándose a aparición de movementos sociais coñecidos como agrarismo.

O campesiñado galego desenvolve unha gran capacidade organizativa canalizando os seus obxectivos a través de grupos sindicalistas ou confederacións como:
- Unión campesiña: (1907-1910), de tendencia anarquista.
- Acción Gallega: foi a máis significativa, liderada por Basilio Álvarez.
- Directorio Antiforista; creado en Teis (1907-1013)

Todos eles defendían un mesmo obxectivo: a abolición dos foros, a disolución do caciquismo, a defensa dos intereses agrarios…; pero os procedementos para acadalos seguían camiños diferentes.

O agrarismo tivo varias fases: as primeiras foron máis radicais, pero logo fóronse decantando por diferentes ideoloxías, dende as máis católicas (na ditadura) ata as máis liberais (época da república).
Posteriormente, a Ditadura representou un freo na evolución e expansión dos sindicatos agrarios.

1.2 EDUCACIÓN, CULTURA.
Durante a Ditadura as taxas de analfabetismo chegaron a ser moi altas (1927- 65% homes e 98% mulleres eran analfabetos). O papel da igrexa na educación fai que a taxa sexa aínda máis alta xa que as mulleres tiñan prohibido aprender e estudar.
A oposición galega á ditadura estivo centrada tamén nos medios universitarios e intelectuais.

No movemento rexionalista destaca o labor das Irmandades da Fala, creadas no ano 1916, en prol do idioma e da cultura galega a través do seu voceiro “A Nosa Terra”. Predominan dúas tendencias ideoloxicamente dispares: os liberais-demócratas e os católicos-tradicionalistas que agroman con forza baixo a batuta de A. Losada Diéguez, que asume o nacionalismo, e máis tarde xorde a revista Nós (1920) como órgano de difusión da Xeración Nós.

Créase en 1923 o “Seminario de Estudos Galegos”. Levaron a cabo unha importante tarefa no campo das humanidades e no estudo das manifestacións da cultura galega (Xaquín Lourenzo, Fermín Bouza Brey…).
En 1929 nace a “Fundación Universitaria Escolar” en Santiago. Organización na que militan a maioría dos estudantes galegos.

2. CAMIÑO DA II REPÚBLICA
A Ditadura tivo unha enorme aceptación popular, pensando que sería unha “nova política” con promesas de rexeneración, e unha certa esperanza que se tiña ante a vontade reformista que anunciaba o novo réxime de respectar os idiomas rexionais, creación das mancomunidades, etc. Pero a idea era atraer a intelectuais e galeguistas que, nun principio, colaboraron co réxime, ata darse conta de que como sempre era un engano máis. Polo tanto, a maioría deixan de colaborar e pasaron á oposición.

A partir de 1925, a Ditadura, intenta desmantelar a partidos liberais, que son perseguidos, xornais paralizados… nada era o que pensaban.
En Galiza, o réxime estivo dominado polo ministro Calvo Sotelo (Tui), promovendo a aparición de novas figuras que ía espallando entre a xeografía galega como figuras de alcaldes.

Nace na Coruña no 1929 ORGA (organización republicana autónoma) e no 1930 constitúese en Padrón a Federación Republicana Galega.
Novas xeracións apostaron en favor da república para lograr un réxime democrático.
Principiaron os estudantes, e xunto outras organizacións republicanas, comezaron a se consolidar, avanzando cara ao remate da monarquía. Deste xeito acádase a II República.

3. II REPÚBLICA
3.1 SITUACIÓN POLÍTICA
Tras as eleccións municipais do ano 1931 proclamouse a II República. En Galicia os republicanos venceron amplamente na Coruña, Ferrol e Santiago, e tiveron importante representación en Pontevedra e Vigo.

Esta época trouxo importantes cambios, bandeira, escudo e himno substituídos polos existentes, modificacións nos nomes das rúas, o poder da igrexa foi recortado, métodos para erradicar o analfabetismo con escolas e mestres, ábrense novos institutos, universidades…
Así mesmo os tempos da república tamén foron de mobilizacións sociais e de folgas, dando paso a novos camiños para a participación na vida pública. Os sindicatos de orientación anarquista e socialista recupéranse e reorganízanse os partidos agrarios galegos. As forzas sindicais (UGT e CNT) intensificáronse.

Reaparición de novos partidos políticos, entre outros:
* Partidos de Esquerda: nas eleccións do 36 uníronse formando a “Frente Popular
PSOE (Ferrol e Vigo).
Partido comunista (o que ten máis afiliación).
Anarquistas: non constituían un partido pero tiñan moita forza no mundo sindical e obreiro.
* Partidos de Dereitas: no 36 moitos deles agrúpanse formando o “Bloque Nacional”
- Renovación Española (Calvo Sotelo)
- CEDA: Dereita republicana
- URD (Unión rexional dereitas)
- Falanxe
* No centro:
Partido Radical: liderado por Basilio Álvarez e Gerardo Abad.
Partido de Centro (Portela Valladares, que chegou a ser presidente do goberno na II República)
* Partidos galeguistas:
- ORGA (organización republicana autónoma)
- PG (Partido Galeguista, liderado por Castelao, A. Bóveda) **

**Creación do Partido Galeguista (1931)

Nace o PG como partido interclasista e aconfesional. Militan nel a pequena e mediana burguesía e é liderado por Castelao e Alexandre Bóveda.
O obxectivo principal dos nacionalistas era que Galiza puidese ser autónoma, para o cal era imprescindible crear un Estatuto para Galiza. O P.G contribuíu á consolidación da bandeira galega, o himno e o Día da Patria Galega (25 xullo) así como o escudo de Castelao (“Denantes mortos que escravos”).

Nas eleccións do 33 co triunfo dos partidos reaccionarios supuxo un freo no proceso de evolución do nacionalismo. O PG tivo que aliarse co “Frente Popular” para oporse aos partidos dereitistas que ían en contra do estatuto de autonomía.

Trala vitoria do “Frente Popular” (unificación dos partidos de esquerda), celébrase o referendo sobre o estatuto de autonomía obtendo un resultado a favor dun 99% dos votantes. Lévase ás cortes a Madrid. É aquí cando se produce a sublevación militar en xullo do 36 e a ocupación de Galiza fixo que dito estatuto non se puidese aplicar nunca.

3.2 EDUCACIÓN, CULTURA.
Na II República, o obxectivo dos nacionalista foi erradicar o analfabetismo na poboación, creando escolas, institutos, e mestres para impartir aula. Incorporar o ensino en galego para o cal Vicente Risco presentara un Plan Pedagóxico para a galeguización nas escolas. Aquí tivo moito que ver a “Xeración NÓS”.

4. GUERRA CIVIL DO 36
Co triunfo do Frente Popular en 1933 localízanse os primeiros síntomas de conspiración entre os mandos da garda civil e os militares de graduación media nos cuarteis. Outros elementos de colaboración serán a Falanxe, que arredor do ano 33 se instala na Coruña. Mentres en Ferrol esta móvese na oficialidade mariña, grupo tradicionalmente contrario a toda veleidade republicana. En Pontevedra contaron co foco da escola naval da mariña. Porén a Falanxe non tiña gran consolidación.
A consecuencia prodúcese o golpe militar, en xullo do 36, o medo apodérase da sociedade, pouco a pouco chega a derrota militar da república. As primeiras cidades tomadas son A Coruña e Ferrol, seguidas de Santiago e vilas de arredores. Vigo e Tui, foron as últimas.

A guerra supuxo para Galiza un retroceso económico e unha paralización no seu crecemento.

A sociedade perdeu os valores democráticos da época republicana, os falanxistas controlaron o poder en todos os campos axudados pola Igrexa. A resistencia era inviable porque carecía de armas e moitos tiveron que fuxir aos montes (“os fuxidos”).

Durante a represión (xullo a decembro de 1936) houbo, en Galiza, un número moi elevado de vítimas. Os “fuxidos” tiñan a esperanza de que se normalizase a situación e como non foi así, moitos deles convertéronse en guerrilleiros. Pagaron coa súa vida ou co exilio a defensa dunhas ideas que non ían da man do franquismo.

As guerrillas era a mellor maneira de crear resistencia. Foi algo excepcional no panorama español. Organizáronse por zonas, con líderes en cada unha delas (“Foucellas”: foi o máis temible,fusilado no 1952; “Piloto”: o derradeiro en morrer). Permanecen totalmente activas ata 1948. Pero a partir de aquí a desaparición dos líderes é constante, caen fusilados moitos deles ás mans dos falanxistas.

Se algo hai que destacar na oposición ao franquismo en Galiza, e que se diferenza do resto do estado español, é a perseveranza coa que resistiron os galegos/as a través das guerrillas e posteriormente o labor dos galegos/as no exilio.

4.1 A MULLER.
A muller tamén tivo un papel importante na resistencia, non como guerrilleira, pero apoiando e axudando aos que o precisaban. Antonia Rodríguez López foi un dos moitos exemplos, Manuela Sánchez (campesiña de 53 anos, Curtis) unha de tantas mulleres fusiladas por defender as liberdades dos galegos/as.

Nenhum comentário:

Postar um comentário