10.1.10

e. A pintura de Maruja Mallo


Estévez Alonso, Xurxo
Fernández Almeida, Henrique
Páramo Pintos, Icía


Introdución e comezos

A imaxe da obra de Maruja Mallo, non moi numerosa por certo, está condicionada pola sona de personaxe transgresora e provocadora da artista, agochando a unha pintora seria e metódica, moi estudosa das técnicas e da xeometría das formas. Segundo Carlos Nuevo “Se lles aplicamos raios X aos seus cadros, podemos ver que por debaixo da súa aparencia sinxela hai un intenso traballo de escuadro e cartabón, que todo está calculado ao milímetro”. Esta precisión matemática é froito da relación mestre- alumno co pintor uruguaio Joaquín Torres García durante os anos 30.

Nos anos 1927-28 forma parte da “Primeira Escola de Vallecas”. Nesa época realizaba unha obra en liña coa nova obxectividade ou realismo máxico, termo creado polo crítico de arte Franz Roh na súa obra publicada en 1927 “Postexpresionismo: os problemas da nova pintura europea”. Con estes fundamentos pinta as series de Verbenas e Estampas que á súa vez se dividirían en populares, de máquinas e manequíns, deportivas e cinemáticas.

Ana Vázquez de Parga describe a súa facilidade para adaptarse ás diferentes propostas artísticas como moi natural, case inconsciente, grazas a que “posúe un mirar de lince e un olfacto de cazador que atrapa canto escoita e ve ao seu arredor”. Así mesmo, e segundo esta autora, a Maruja Mallo nunca lle gustou a etiqueta de surrealista, e a transgresión tan evidenciada nos surrealistas “nela procede da simple descrición da realidade”.

Nas primeiras obras, Maruja aborda temas recorrentes á modernidade, como os deportes, con cadros entre os que destacan Elementos de deporte (1927) ou A ciclista (1927). A través destas obras Mallo resalta o “ideal físico” co que tanto ela como a súa íntima amiga Concha Méndez, grandes deportistas as dúas, se senten identificadas, pois é un sinal de identidade da nova muller desa época. Tamén en 1927 pinta A muller da cabra durante unha estancia en Canarias.
Os cadros e estampas deportivas, afirma Rivas, están embebidos dun hedonismo á vez clásico e moderno. Ao ideal físico, a pintora propón modelos dunha humanidade “serena e triunfante na natureza, no xogo e no combate”.

As Estampas de máquinas e manequíns, pola contra, aluden a unha época decadente, ao anacronismo dun romanticismo pasado de moda. Os manequíns aparecen nos escaparates “protexidos por unha atmosfera de naftalina e receitas medicinais”, afirmaba a artista.
A visión pictórica que Maruja Mallo ten sobre as festas populares, queda plasmada na serie de catro cadros: As verbenas, feitos entre 1927 e 1928, amosándonos unhas escenas dun barroquismo multicolor e denso, en composicións vertixinosas, mesturando con moita graza elementos festeiros e burlescos, recreando máscaras, figuras en movemento continuo, nun clímax de ledicia desbordante, e mofa dos poderosos. As festas populares, escribiu a artista, eran unha “revelación pagá” e expresaban “a discordia contra a orde existente”, unha afirmación vital contra do escurantismo. Ramón Gomez de la Serna, referíndose á superposición de planos e secuencia de imaxes destas obras, non dúbida en cualificalas de “cinemáticas”. Porén, a orixinalidade de Mallo nestas composicións, nas que presenta unha visión múltiple da realidade, vese na orde imposta baseada na xeometría, o que posibilita a síntese, é dicir: a visión única do todo.

“Nada estraño é na verbena (escribía a pintora) ver os anxos montar sobre un porco ou conducir os autos dos carruseis. Cruzar precipitadamente a praza do brazo dos soldados ou correr perseguidos polos xendarmes (....).Ao mesmo tempo que o demo pasa espantado nun coche de punto, os cregos tourean nas barracas e xiran nas norias (...) Aparecen axigantados burlescamente reis, nobres, burgueses, toureiros, boxeadores e manolas. Todos estes personaxes teñen presenza grotesca, realidade de fantoches....

Unha obra cualificada por algúns de perturbadora e colorista, pero non exenta dunha gran carga de ironía.
Así e todo, a influencia exercida pola obra de Roh e o seu realismo máxico , pódese apreciar en moitos dos pintores da súa xeración. As formas puras, a solidez xeométrica, os contornos precisos, elementos comúns ao poscubismo e antiexpresionismo, están presentes nestas primeiras obras.

O achegamento ao surrealismo

Ortega e Gasset fica sorprendido polo vangardismo amosado por Maruja Mallo após a exposición na Revista de Occidente da primeira metade do ano 1928. Comeza unha etapa de aceptación e recoñecemento no mundo intelectual madrileño materializado na colaboración nas revistas literarias máis coñecidas do momento.

Á fin do 1928 a ruptura da relación afectiva e artística que comezara no 1925 co poeta Rafael Alberti, enfronta a pintora coa desolación, o desamor e mais coa podremia. Artisticamente comeza a súa época máis próxima ao surrealismo: é o momento da serie Cloacas y campanarios, unha pintura esgazadora na que se exaxeraban os aspectos máis crus da vida real. Percorre Castela apañando ósos, cardos e mesmo lixo e excrementos que logo aparecen nos seus cadros. Desta época destacan as súas obras Espantapeces (1929), Espantapájaros (1930) e Antro de fósiles (1931).

A Xunta de ampliación de estudos concedeulle unha bolsa para unha ano de estancia en París. É alí, no 1932, onde realiza con éxito a exposición na Galería Pierre Loeb. André Breton, un dos pais do surrealismo, amosa un grande interese polos seus cadros (merca Espantapájaros, obra chea de espectros e considerada hoxe unha das grandes obras do surrealismo). O recoñecemento de Breton e o de Paul Éluard permítelle relacionarse con surrealistas como Jean Cassou, Picasso, Mirou, Péret, Louis Aragon, Arp, René Magritte, Joan Miró e o uruguaio Joaquín Torres-García. Este último será un verdadeiro mestre para Maruja Mallo ao longo de 30 anos, pois introduce na súa pintura o gusto pola exactitude matemática e a xeometría. Do mesmo xeito a figura de Torres-García como teórico da arte somerxe a Maruja Mallo nos principios do Universalismo Construtivo á procura dunha linguaxe artística común a todas as culturas humanas. De aquí as súas novas series: Arquitecturas minerales e Arquitecturas vegetales obras que, baixo dunha aparencia sinxela, teñen un intenso traballo de escuadra e cartabón e nas que todo está calculado ao milímetro.

No 1935 realízase a exposición L´Art espagnol contemporain no Jeu de Paume e o Museo de escolas estranxeiras de París adquírelle a cuarta das súas Verbenas.

En maio do 1936 ten lugar a súa terceira exposición individual no Centro de estudos e información da construción en Madrid coa serie de 16 cadros de Cloacas y campanarios, a serie de 12 obras de Arquitecturas minerales e Arquitecturas vegetales. A exposición presídea a súa obra Sorpresa del trigo (1936), última pintada en España antes do seu exilio e que, inspirada nos trigais da meseta castelá, inicia a súa etapa muralista e revolucionaria.

Ao comezo da guerra colle a Maruja nas Misións Pedagóxicas en Galicia de onde pasa a Lisboa. Unha invitación para dar unha serie de conferencias lévana a Montevideo e logo a Bos Aires, onde pasará 25 anos.

Da Guerra Civil á fin dos seus días

No ano 1939 publica o seu primeiro libro, titulado O popular na plástica española a través da miña obra e empeza a pintar retratos de mulleres, sendo o seu estilo precursor da Arte Pop estadounidense.

En 1942, a editorial Losada publica Proceso histórico da forma nas artes plásticas e un libro sobre ela, Maruja Mallo, 59 gravados en negros e 9 láminas en cor, 1928-1942, con prólogo de Ramón Gómez da Serna, e onde se recolle gran parte das súas obras pictóricas ata ese momento.

Durante este período debemos destacar os seguintes etapas:

1.- En Bos Aires produce Canto de espigas e as viaxes a Chile e costa do Pacífico encadean a súa etapa mariña. A Serie Mariña son harmonías lunares, en cores prata e gris.

2.- A influencia do sol daría lugar á Serie Terrestre, harmonías solares, en ocres e dourados. A esta etapa corresponden os seus cadros baseados na relixión do traballo, o mar e a terra: A rede (1938), Mensaxe de mar (1938), Estrelas de mar (1938), A terra e o mar (1938), O canto da espiga (1939). Todas elas elaboradas en base a unha harmoniosa combinación de elementos reais cun tratamento surrealista.

3.- Na Serie de Cabezas e Máscaras, a pintora inspírase na súa estancia no continente americano. Alternará o seu traballo pictórico -as súas series de Cabezas e Máscaras- co de muralista e conferenciante. Nas súas Máscaras pódese rastrexar a curiosidade da artista por cultos afroamericanos como o Candomblé, a Macumba ou o Vudú. A meticulosidade dos seus cálculos xeométricos pódense constatar pola cantidade de bosquexos feitos para os seus cadros, por exemplo, O acio de uvas (1944).

4.- Entre 1945-1957, Maruja Mallo ten un período escuro; as súas aparicións públicas e as súas exposicións tamén son máis raras, pero deste período pódese destacar a súa viaxe á illa de Pascua en compañía de Neruda. Parece ser que esta estancia influíu no esoterismo que caracterizou a súa obra posterior.

Nesta etapa escura destacamos a súa viaxe á illa de Pascua en compañía de Neruda. Parece ser que esta estancia influíu no esoterismo que caracterizou a súa obra posterior e que propiciou o seu último ciclo plástico: Moradores do Baleiro. Nunha entrevista publicada no Imparcial Mallo explicáballe ao xornalista a xénese desta etapa: “Cando entrei no coñecemento de Einstein, Marx e Freud, os tres santos laicos [afirma] é cando fago esta pintura que por todo recoñecemento levita. E ademais teño a necesidade de inventar seres míticos. De aí saen os Moradores do Baleiro, e das miñas sete travesías por Ándelos, onde tiven a sensación de levitación e onde me expoñía as interrogantes sobre as formas non coñecidas que existen sete mil metros máis arriba”.

Viaxa a Uruguai, Bolivia, Brasil e Nova York, onde coñece a Warhol.
En 1964 regresa a España e pecha un capítulo da súa vida. Pero aqueles que foron os seus contemporáneos ou ben están mortos ou seguen no desterro. Instálase primeiro no hotel Palace e despois nun apartamento da rúa Claudio Coello e pinta viñetas para a Revista de Occidente.

5.- No ano 1979 empeza a súa última etapa pictórica con Os Moradores do baleiro, obras pintadas durante os anos setenta, e unha serie de oito litografías, homenaxe á Revista de Occidente. Xa ten 77 anos, pero conserva a súa vitalidade de sempre.

A súa obra é cada vez máis valorada polos críticos e galeristas, especialmente pola crítica española máis nova, que ven nela a encarnación dunha vangarda oculta polo franquismo.
Coa morte de Franco chega o seu recoñecemento e a súa culminación coa Medalla de Ouro de Belas Artes en 1982, unha exposición antolóxica que lle dedica en 1993 o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Premio de Artes Plásticas de Madrid.

Morre en Madrid o 6 de febreiro de 1995 con 93 anos na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.

Nenhum comentário:

Postar um comentário