10.1.10

d. Ronsel de artistas na vida de Maruja Mallo

González Mejuto, Liliana Beatriz
Jares Fernández, Maria Luz Elisabeth


Así falou Penélope:

"Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?

EU TAMÉN NAVEGAR."

Xohana Torres


Anos 20, Madrid.
En 1922, con 20 anos acabados de cumprir, Maruja Mallo vai vivir a Madrid e ingresa na Academia de Belas Artes de San Fernando. É a única muller que aproba o exame de ingreso nesta convocatoria. Ten como compañeiro un mozo catalán algo tímido e extravagante que se converte no seu amigo inseparable: Salvador Dalí.

Esta muller intenta coñecer o Madrid que se presenta ante os seus ollos: descobre os museos, as rúas máis ateigadas de xente, deambula polos cinemas e as tabernas (lugares nada recomendables para unha muller), pero o que máis lle gusta son os festexos populares, as festas, as verbenas onde se atopa coas cores que despois reflectirá nos seus primeiros cadros.
Pero tamén comeza a introducirse nos ambientes cultos da cidade: as tertulias, os faladoiros, que ata entón estaban só reservados para homes; fai longas e numerosas visitas ao Museo do Prado, onde goza descubrindo a pintura de Velázquez e de Goya.

Salvador Dalí introdúcea na Residencia de Estudantes onde coñece dous mozos moi interesantes: Federico García Lorca e Luís Buñuel. Con eles sae de troula polas rúas madrileñas, Dalí pinta o cadro Soños somnámbulos onde recrea varios momentos da esmorga.

En 1924 complementa os seus estudos na Academia de Belas Artes coas clases de debuxo de Julio Moisés, ás que asiste con Dalí. Intenta romper coa norma establecida e admira a Picasso e a Joan Gris.

Anécdotas :

  • O sensombreirismo (Dalí, Lorca, Margarita Manso)
  • Vístese de home para entrar a escoitar os coros do Mosteiro de Silos (Margarita Manso, Dalí e Lorca). “Travestismo á inversa”.
  • Anda en bicicleta polas rúas de Madrid.
  • Fai deporte.
  • Píntase coas mesmas cores que utiliza nas súas pinturas.
  • Con Concha Méndez entra en lugares prohibidos para as mulleres. (A poeta é pintada no cadro Unha rapaza en bicicleta.O abano de Elementos para o deporte tamén é dela)
  • Por medio desta poeta coñece a Valle-Inclán do que di: “Pareceume unha bandeira vella tirada con descoido nun diván”.
  • Participa nun concurso de blasfemias.
  • “Confraría da Perdiz”: Lorca entrega ao novo confrade un limón que sacaba dun cesto recuberto de terróns de azucre, e ían os sábados comer a perdiz á maneira de rito. Celebraban as ”Troulas Líricas” ou festas saturnais. Lorca exerce de mestre de cerimonias, toca o piano e le poemas, nestas sesións coñece a Rafael Alberti.
José Ortega y Gasset coñece a obra de Maruja e promove unha exposición da pintora con dez cadros e 30 estampas. Na revista de Occidente dise dela: “sorpresa da tempada. Maruja Mallo sabe armar sutís e preciosos crebacabezas, con tan sabia e rica maneira, que rompen, en efecto, a cabeza todos aqueles que queiran empregala en mesteres impropios”.

Ramón Gómez de la Serna: bautízaa como “meiga nova” porque “tiña algo de maxia o que facía, e era coma unha meiga recente que baixaba do norte despois de ter composto as súas cores nas cazolas de barro da súa misteriosa cociña de aldea”.

García Lorca: “Estes son os cadros que vin pintados con máis imaxinación, con máis graza, con máis tenrura e con máis sensualidade. E estas estampas de manequín, que están pintadas con ausencia de cor, son noticias necrolóxicas”.

Todo Madrid está aos seus pés: ilustra libros e as máis coñecidas revistas literarias do momento: Cruz y raya.

Rafael Alberti: co poeta gaditano mantén unha intensa relación amorosa. Coñécense nas “tertulias” literarias., van ao Prado, ámanse en cinemas escuros e parques silenciosos, xuntos bailan nas verbenas e conversan en cafés. Pasan veráns en Cercedilla e dan paseos interminábeis por Vallecas, a estación máis afastada do metro madrileño.
Segundo Carme Vidal: “Dous fortes temperamentos artísticos e persoais mesturados poden dar nunha fervenza de proxectos creativos ou nun forte estoupido”. Dise que a súa unión produciu obras parellas. Non obstante os proxectos comúns non dan callado. Maruja Mallo comeza a traballar na escenografía para a obra de Alberti La pájara pinta pero non a acaba. Intentan facer unha homenaxe conxunta ao cinema, 150 carpetas das 15 estampas cinemáticas: Charlot, Keaton, Harold Lloyd, pero nunca se soubo nada delas.

En xullo de 1929, Alberti dedícalle uns versos en La Gaceta Literaria, “A primeira ascensión de Maruja Mallo ao subsolo”(1):
Son os últimos retallos dunha relación a piques de romper de forma violenta. Maruja percorre os campos de Castela na procura de ósos, farrapos e despoxos para a súa nova e escura pintura: Cloacas e campanarios. Dise que Alberti pon en palabras o que Maruja Mallo expresa na pintura, anos máis tarde o poeta dirá: “O poema “Los ángeles muertos” podería ser unha transcrición dalgún cadro seu”(2).

Pouco despois de seren escritos os versos dedicados á pintora, Maruja Mallo entrará nunha profunda depresión ao sentirse abandonada por Alberti. O escritor deixa a pintora en 1930 ao coñecer a Mª Teresa de León. A pintora tardará en recuperarse dunha rotura que continuará até a súa fin sen cicatrizar. O silencio, polas dúas partes, cubrirá para sempre a ruptura. O seu nome desaparece da crónica dos anos que compartiron. Só tempo despois, cando en 1977 faga o reconto da vida, volverá retomar aquel episodio (“La arboleda perdida”), laiándose mesmo dun esquecemento nada gratuíto: “Sucede que, se cunha nube de esquecemento se tapa a memoria, ela non é a culpábel do que non lembra, mais se o esquecemento é deliberado, se se expulsa dela o que non se quere por covardía ou conveniencia….Oh!”

Escola de Vallecas, coa que entra en contacto ao través dos escultores Alberto e Benjamín Palacios, pinta a súa serie de Cloacas e campanarios, percorre as aldeas de Castela e a Serra de Guadarrama, apañando cardos, lixos e ósos que aparecerán plasmados nas pinturas desta etapa
París

Marcha a París cunha bolsa de estudos da “Junta de Ampliación de Estudios” para estudar escenografía e perfeccionar a técnica de deseños teatrais. Alí expón na galería de Pierre Loeb, unha das máis prestixiosas.
Entra en contacto co movemento surrealista, coñece a André Breton (que lle merca a obra Espantallos da serie de Cloacas e Campanarios), Paul Éluard, o poeta, quere comprarlle unha pero non ten cartos. Frecuenta o “café de la Place Blancher”, lugar de encontro de poetas e artistas: Cocteau, Magritte, Max Ernst, Joan Miró, Braque, Matisse, Giorgio de Chirico. Fai unha exposición que ten moito éxito, a ela asisten Vicente Huidobro e Picasso. O pintor di: “Diante dunha personalidade tan orixinal, ninguén mellor ca ela sabe o que facer”. Un marchante de arte, Rosenberg, ofrécelle un contrato para quedar en París, que Maruxa rexeita: “Non quedei porque estaba interesada por unha España luminosa e renovada. Volvín e comecei de novo a pintar, e xa en min agromou, despois da lei da destrución, a evolución da construción.” Abandona París a finais de 1932.

En París coñece a Joaquín Torres García, que fundou o grupo Abstraction-Création no que confluíron abstractos xeométricos e surrealistas. Este encontro vai ser determinante na evolución artística da pintora: unha volta á natureza e unha inspiración no universo dos seres vivos. Quere construír un mundo mellor, baseado nun sistema racional e matemático, na xeometría e na orde da natureza.
Mentres estaba en París hai dúas exposicións da súa obra en Copenhague e en Berlín.

Madrid
De volta a Madrid segue frecuentando as “tertulias”:

  • “O merlo branco” presidida por Baroja
  • “Gato negro”, por Azorín
  • A “Cervexería de Correos”, por Pablo Neruda.
  • “Pombo”, por Ramón Gómez de la Serna.
Colabora en revistas:

  • “Revista de Occidente” (dirixida por Ortega). Nela encóntrase con María Zambrano e con Rosa Chacel.
  • “Cruz y Raya”, de José Bergamín e o filósofo Zubiri.
Despois dos faladoiros van de festa, sobre todo á “Casa de las Flores “de Pablo Neruda, onde acaban disfrazándose. Maruja dinos: “Pero vin a Lorca, a Alberti, e a Bergamín vestidos de león, de tigre, de leopardo”. Alí están María Zambrano, Concha Méndez, casada co poeta Manuel Altolaguirre, Luís Cernuda e Vicente Aleixandre.

Segundo José Luís Ferris, coincide un día con Miguel Hernández na “Casa de las Flores” e dende aquela serán inseparables, van de excursións por Castela e Maruja inicia xunto a Miguel ese descubrimento da natureza que perfilará os seus cadros murais (Sorpresa de trigo). Maruja representa para el o dinámico, a tormenta que empeza a ocupar o seu pensamento, o lóstrego que vai desbaratar o seu amor xuvenil. É ese eterno lóstrego que se volve un símbolo absoluto recollido na expresión “rayo que no cesa”, destinado a facer estragos na súa vida. Os poemas que lle dedica en “El rayo que no cesa” teñen unha simboloxía fatalista que provoca nel o desengano amoroso.

En 1933, Torres García está nestes momentos en Madrid e funda o “Grupo de Arte construtiva”, no que inclúe a Maruja Mallo, e comeza a obsesionarse pola xeometría e a matemática, empeza as súas Arquitecturas vexetais e Arquitecturas minerais.

Como nos relata Carme Vidal, en 1935 coñece o trotskista galego e líder sindicalista Alberto Fernández Mezquita, con el asiste a mitins e actos públicos de apoio á República, pero a relación non é só de camaradería política, reencontra o amor. Neste momento considérase unha revolucionaria e son anos de forte compromiso social. Asiste a reunións anarquistas e comunga coa esquerda comunista. Entende a arte como unha arma solidaria para unha sociedade nova.
Nesta época tamén deseña a escenografía da obra de Clavileño de Rodolfo Halfter cun texto baseado nun episodio do Quixote.

No verán de 1936 acompaña a Mezquita a Galicia, van ás Misións Pedagóxicas, e pretende dar clases nunha escola de artes e oficios. Nese momento estoupa a Guerra Civil. Alberto marcha a Portugal, é detido e deportado e pasa por varios campos de concentración. Maruja non volverá velo.

O exilio
Maruja Mallo atópase en Vigo, escóndese durante uns días en Lavadores e, posteriormente, consegue saír do país. Atravesa a fronteira por Tui e refúxiase en Lisboa onde a axuda Gabriela Mistral (escritora e embaixadora de Chile no país luso). Chega á Arxentina o 9 de febreiro de 1937.

Alí coñece o mexicano Alfonso Reyes, escritor e embaixador, para o que fai a montaxe do texto “Cantata na tumba de Federico García Lorca” que representará a compañía de Margarita Xirgú. Entra en contacto coa intelectualidade galega exiliada nas “tertulias” do Café Tortoni: Luís Seoane, Eduardo Blanco-Amor, Xavier Bóveda, Lorenzo Varela, Rafael Dieste.

Viaxa por toda América Latina, descobre Chile ao través de Pablo Neruda, que xa coñecera en Madrid, e que lle presentará a Salvador Allende e a Inés, a súa irmá. Viaxa a Bolivia, Perú, Uruguai, Brasil, a Estados Unidos; en Nova York asiste a festas como a de Cartier, onde coñece a Rockefeller e Claudette Colbert.

A partir de 1960 retorna a España, vive en Madrid, pero xa non é o Madrid que coñeceu, os pintores que están de moda non superarán nunca a Picasso ou a Dalí. É a partir dos anos 80 cando comeza a ser recoñecida e a recibir homenaxes. Realiza unha exposición no Museo Reina Sofía e o rei entrégalle a Medalla de Ouro de Belas Artes. Tamén coñece por esa época a Andy Warholl.

Madonna compra Actriz. No Museo Centro Pompidou temos Kermesse.


BIBLIOGRAFÍA:

  • José Luís Ferris: Maruja Mallo. La gran transgresora del 27. Temas de hoy. Biografías. 2004
  • Carme Vidal: Maruxa Mallo, A Nosa Terra, 1999.
  • Xornal de Galicia, Suplemento de cultura, 17 de outubro 2009 “Maruja Mallo nunca estivo aquí”

Nenhum comentário:

Postar um comentário